Comunicado en apoio do MACCMO
01 / 12 / 2025
O Museo de Arte Cotemporánea Costa da Morte ve ameazada a súa continuidade.
Desde A Colectiva, denunciamos o requirimento de peche inminente do Museo de Arte
Contemporánea Costa da Morte (MACCMO) por parte do Concello de Corme. Cunha
colección de máis de 570 obras de diversos artistas, unha programación de actividades
aberta ao público local e un programa de residencias internacionais bolseiras para artistas
plásticos, este museo, como afirma Encarna Pisonero, patroa da Fundación Torre-Pujales, é
o cuarto museo de arte contemporánea en Galicia, xunto ao CGAC, o Marco de Vigo e o
Museo de Belas Artes da Coruña.
O peche deste museo supoñería a perda dun espazo artístico cun importante valor cultural
para a comunidade local e para o conxunto de axentes culturais e artistas de Galicia.
Pechar as portas dun museo é pechar á cidadanía o valor da arte e a posibilidade de que a
arte, a cultura participe e ocupe un lugar no noso día a día.
Así mesmo, como artistas, péchansenos oportunidades de profesionalización, difusión e
creación de espazos abertos á participación, reflexión e expresión tanto individual como
colectiva.
Así, como artistas profesionais, esiximos a todos os poderes públicos que interveñan para
frear o peche inminente do MACCMO, que se abra unha mesa de diálogo sobre o seu futuro
e que se asegure a súa permanencia.
Nun mundo cada vez máis utilitarista, necesitamos máis espazos que nos lembren o poder
da creación e a súa importancia nas nosas vidas.