actividades

Arte Ambulante

Sábado 16 de Novembro de 2019 ás 19:14 Domingo 15 de Decembro de 2019 ás 19:14

Arte Ambulante é un proxecto de A Colectiva (Asociación Profesional de Artistas de Galicia) co apoio da Deputación da Coruña, que busca a dinamización social das comunidades municipais da provincia da Coruña, empregando como recurso un conxunto de actividades asociadas a unha exposición itinerante de arte contemporánea con autores galegos.

Primeira parada: San Sadurniño


Arte Ambulante ten como obxectivo ofrecer un programa de Arte Contemporánea, accesible e multidisciplinar, ao público daqueles concellos que aínda non están integrados no circuíto maioritario de exposicións, obradoiros e conferencias. Busca, ademais, xerar unha dinámica de colaboración entre profesionais da Arte Contemporánea Galega e os artistas, asociacións, colectivos e recursos culturais do concello participante, mantendo no tempo esta relación e asentando deste xeito un novo circuíto.

Dende A Colectiva, cremos na Arte Contemporánea como un dos recursos máis axeitados para comprender o mundo que estamos a vivir e para recoñecernos dentro del, un recurso que debería ser accesible dende calquera recuncho da nosa xeografía.


Primeira parada: San Sadurniño.

A exposición de Arte Ambulante, organizada ex profeso para o concello de San Sadurniño, permite achegar ao público as diferentes disciplinas que integran a arte contemporánea na actualidade, establecendo unha relación de empatía con quen mira a través de diversas linguaxes e formas de facer. Pintura, instalación, escultura, o medio audiovisual e a fotografía conforman un conxunto de obras capaces de dialogar entre sí defendendo as súas diferenzas.

Trátase dunha mostra colectiva integrada por dez artistas residentes en Galicia, cinco homes e cinco mulleres, que teñen en común un interese por reflexionar sobre a súa cotiandade desde diferentes perspectivas. Así, Tono Mejuto, María Meijide ou as ferrolás Lara e Noa Castro aproveitan o que está ao seu redor para amosalo dun xeito orixinal, revelando a capacidade plástica do seu contexto cercano. Outras artistas como Melania Freire ou Laura Piñeiro rastrexan a memoria e as tradicións empregando elementos asociados ao fogar (como as cestas, as botellas de refrescos ou os botóns) para dotalos dunha nova mirada e facelos transitar entre pasado e presente. Tamén reflexionando sobre o noso contexto, Mónica Mura quere romper o control social de xénero, sacando ás mulleres do anonimato dos espazos privados para recuperar a historia a través dos seus retratos. Cun carácter máis pop e colorido, as serigrafías de Héctor Francesch ou o vídeo de Edu Fernández recollen o folclore e a cultura popular a través de imaxes irónicas e en apariencia amables que concilian a crítica e o humor. Pola súa parte, Pablo Barreiro interésase pola idea de reprodución e as conexións entre a cultura clásica e a contemporánea, que revisa empregando materiais cerámicos e explorando as súas posibilidades. Desde o campo da videoinstalación, Juan Lesta propón dúas intervencións lumínicas que modifican o espazo da sala. Todos estes creadores e creadoras contan cunha interesante traxectoria no eido da arte contemporánea, movéndose en exposicións e eventos nacionais e internacionais.

Máis alá de procurar un fío condutor, esta mostra ten como obxectivo establecer un percorrido polos intereses que engloba o acto creativo, achegando á cidadanía as posibilidades das técnicas artísticas desde unha perspectiva asequible e didáctica. Neste sentido, realizouse tamén un obradoiro e dúas visitas guiadas á exposición por parte dos artistas integrantes, tratando de estreitar a relación entre público e obra de xeito que, a través dunha relación de cercanía que ás veces se esquece nas exposicións, poidan xurdir intereses comúns.

Sobre as actividades

-Visitas guiadas

Visitas guiadas polos artistas integrantes, que explicaron as súas pezas e os seus métodos creativos cunha linguaxe sinxela, adapatada para todos os públicos, e procurando un diálogo constante cos asistentes. Interesa interpelar á audiencia, xerar confianza e construir, entre as persoas presentes, un sistema de preguntas, respostas e intercambio de opinións de modo que aprendamos uns dos outros e se comprenda a arte contemporánea coma un proceso vivo vencellado ao noso día a día.

Ademáis, Paula Aneiros fixo unha visita con alumnado das súas clases de pintura, nenos e nenas, plantexada na modalidade de xogo didáctico, acoplándose posteriormente á visita cos artistas para coñecer máis sobre esas obras que estiveron a ver.

-Taller de artista

Como completemento á exposición, ademais das visitas guiadas, tivo lugar o obradoiro de collage “San Sadurniño on fire!“ co artista Héctor Francesch (29 e 30 de novembro). Traballouse sobre fotografías e estampas de edificios e lugares coñecidos de San Sadurniño e, a partir delas, creáronse collage recortando e pegando novas escenas singulares, atrevidas e imposibles.

As cookies axúdannos a ofrecer os nosos servizos. Ao utilizar os nosos servizos, aceptas o uso de cookies.