Convocatoria CATÁLOGO DE ARTISTAS
Xoves 19 de Febreiro de 2026 ás 13:17 Domingo 22 de Marzo de 2026 ás 13:17
Dende A Colectiva abrimos convocatoria para a participación no Catálogo de Artistas, un proxecto colectivo que ten como obxectivo crear unha recompilación da obra das nosas socias.
Este catálogo nace como un espazo de visibilización, encontro e arquivo de prácticas artísticas contemporáneas no contexto galego, poñendo especial atención na diversidade de linguaxes, procesos e miradas que o atravesan.
A publicación terá formato dixital e contará con ISBN. Para facilitar o acceso aos vosos traballos á persoas doutros territorios, os textos estarán en galego, castelán e inglés, polo que vos agradecemos que os enviedes nos tres idiomas.
Liñas de investigación
Para organizar o noso catálogo, propoñemos catro liñas temáticas abertas, que se empregarán para dar coherencia e relacionar prácticas artísticas tan variadas como as das máis de 160 persoas asociadas a A Colectiva. Cada socia deberá presentar unha peza que dialogue cunha ou varias delas, que indicará por orde de preferencia:
Corpo
O corpo pode ser entendido como elemento político, poético e/ou simbólico. Por iso, neste apartado poden incluírse, por exemplo, propostas que traten arredor da identidade, o xénero, a performatividade, a presenza e a ausencia, a vulnerabilidade, o desexo ou os límites do corpo, así comoprácticas que exploren o corpo como soporte, arquivo ou espazo de resistencia.
Territorio
Frecuentemente, os artistas abordamos o territorio desde unha dimensión xeográfica, simbólica ou social. Aquí caberían traballos que reflexionen sobre a relación co lugar, a paisaxe, o espazo urbano ou rural, os procesos de desprazamento, as fronteiras ou a noción de pertenza e desarraigo, entre outras abordaxes
Afectos
Os afectos articulan as nosas relacións entre persoas, corpos e contextos. Na arte, pódense tratar en proxectos que aborden os coidados, as redes de apoio, as alianzas, os conflitos ou as formas de acompañamento. nos que se entende o afecto como motor simbólico e/ou político.
Memoria
A memoria é un proceso vivo e en constante construción, polo que neste catálogo se incluirán propostas que a traballen desde diferentes perspectivas: desdea lembranza e o esquecemento ata o arquivo, pasando polas as narrativas herdadas, os silencios e as historias invisibilizadas.
Participación
A convocatoria está aberta a todas as persoas asociadas á Colectiva.
Cada socia poderá presentar unha única peza ou serie, en calquera formato ou disciplina artística (pintura, debuxo, escultura, instalación, fotografía, ilustración, texto, performance documentada, prácticas híbridas, etc.). Cada obra ou serie ocupará unha páxina, polo que cantas máis imaxes se envíen, máis pequenas aparecerán no catálogo.
Documentación a enviar
Cada participante deberá achegar:
- Nome artístico
- Breve bio (máx. 300 caracteres)
- Título da peza e ficha técnica
- Texto sobre a peza (entre 300 e 600 caracteres)
- Selección de imaxes da peza en formato JPG (300ppp)
- Liña(s) temática(s) nas que quere incluír o seu traballo. No caso de escoller máis dunha, deben ordenarse segundo a preferencia, sendo 1 a opción prioritaria. Lembramos que os textos deberán enviarse en Galego, Castelán e Inglés. No caso de dificultades con algunha das traducións, podemos botarvos unha man.
Envío e prazos
O envío realizarase mediante un formulario de Google, ao que podedes acceder a través do seguinte enlace : https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSfPChjNRMth0iYw16-t4-DHJ8NcQjep3DWUBD9AEhf3XkX8hw/viewform
Non hai límite no número de artistas participantes no catálogo. No caso de superarse as 40 participacións nunha mesma liña, as obras poderán ser reubicadas noutra das liñas, respectando a orde de preferencia indicada.