2024 autorretrato 06bn paper2

Sabela Eiriz

Sabela Martínez Eiriz, Lugo

Performance Vídeo Fotografía Instalación

Artista multidisciplinar. Fotógrafa e videógrafa freelance. Doutora en artes e educación e docente.

Comeza a súa formación no eido do teatro e gradúase en Comunicación Audiovisual (Universidade de Santiago de Compostela, 2013). Trasládase a Barcelona e estuda os mestrados en Fotografía e Deseño (Elisava, 2014) e Estudos Comparados de Literatura, Arte e Pensamento (Universitat Pompeu Fabra, 2016). Durante eses anos, traballa como fotógrafa e videógrafa freelance e comeza a desenvolver a súa carreira artística coa participación en visionados, residencias e exposicións. Posteriormente regresa a Galicia e establece o seu estudio en A Coruña. Alí realiza o mestrado en Profesorado de Artes Visuais (Universidade da Coruña, 2020) e introdúcese no eido da investigación académica: desenvolve a súa tese de doutoramento (Universidad de Granada, 2023) e comeza o seu traballo como profesora asociada na Área de Didáctica da Expresión Plástica na Universidade da Coruña (onde é membro do grupo de investigación Arte-Facto). Nas súas liñas de investigación afonda na imaxe fotográfica e nas súas disposicións e lecturas, así como na educación artística e na alfabetización visual na formación do profesorado. No seu traballo profesional especialízase na documentación audiovisual e na fotografía de retrato, escena e fotofixa.

Como artista multidisciplinar traballa fundamentalmente con fotografía, escritura e vídeo. Fala «do que coñece e do que vive». O seu traballo responde á entorna que a rodea, tomando as experiencias e as emocións como puntos de partida, especialmente alrededor da memoria, o tempo e os vínculos, así como a metarreflexión sobre a imaxe e os seus usos. A súa linguaxe baséase na poética, nas posibilidades expresivas das imaxes e na hibridación de formas e de formatos. Por outro lado, a súa experiencia e formación en cine e nas artes escénicas aportan unha dimensión corporal e sonora a moitos dos seus proxectos, e acrecentan a narratividade das súas propostas. Comnbina unha aproximación conceptual cun hábito contempolativo: o pensamento entrelázase coa experiencia e adoita incorporar nos seus proxectos o inesperado, especialmente nos seu traballos máis persoais que desenvolve a partir da escoita e da intuición. Ten, ademais, unha especial atención á recepción e á instalación: quen observa, onde e de que xeito, son pezas fundamentais na activación do seu discurso.

As cookies axúdannos a ofrecer os nosos servizos. Ao utilizar os nosos servizos, aceptas o uso de cookies.