A COLECTIVA RESPALDA A LOITA POR UN IVE XUSTO PARA AS ARTES VISUAIS
25 / 02 / 2026
Desde A Colectiva, Asociación Profesional de Artistas de Galicia, apoiamos as mobilizacións do sector e reclamamos unha resposta inmediata do Goberno
A Directiva (UE) 2022/542 do Consello, do 5 de abril de 2022, modificou as Directivas 2006/112/CE e (UE) 2020/285 en relación cos tipos impositivos do IVE que poden aplicar os Estados membros. Esta normativa permite a aplicación dun tipo reducido de IVE nas vendas de obras de arte, antigüidades e obxectos de colección. España, como Estado membro da Unión Europea, debía ter aprobado e publicado antes do 31 de decembro de 2024 as disposicións legais necesarias para a súa transposición obrigatoria, con efectos desde o 1 de xaneiro de 2025, algo que a día de hoxe non se produciu.
Mentres tanto, países como Francia, Italia, Alemaña, Portugal, Bélxica ou Luxemburgo xa aplican tipos reducidos de IVE ao mercado da arte. Isto xera unha clara desvantaxe competitiva para o sector das artes en España, afectando a artistas, galerías e ao ecosistema cultural, e dificultando a venda de obra, a proxección internacional e a sustentabilidade dun sector xa marcado pola precariedade.
En Galicia, esta situación agrávase pola fragilidade dos circuítos profesionais, a escaseza de recursos e a dificultade para consolidar traxectorias artísticas estables. Un IVE elevado penaliza a produción e circulación da obra, limita a visibilidade dos artistas galegos e pon en risco espazos fundamentais para a difusión da arte contemporánea.
Resulta injusto que sectores como a música, as artes escénicas ou o cine gocen de tipos reducidos de IVE mentres as artes visuais continúan excluídas. Esta desigualdade contradí os principios de equidade cultural e de recoñecemento do traballo artístico como labor profesional.
Desde A Colectiva, Asociación Profesional de Artistas de Galicia, apoiamos as mobilizacións do sector e reclamamos unha resposta inmediata do Goberno. Exiximos a transposición urxente da Directiva (UE) 2022/542 e a aplicación dun IVE cultural reducido para as artes visuais, ao nivel doutros países europeos, así como o manteñemento do Réxime Especial nos casos permitidos. Só así se garantizará a sustentabilidade do sector, a profesionalización dos artistas e a protección do patrimonio cultural contemporáneo.