AS ASOCIACIÓNS PROFESIONAIS DAS ARTES VISUAIS PRESENTAN UN RECURSO ADMINISTRATIVO ANTE O PROCESO DE DESIGNACIÓN DA DIRECCIÓN DO CGAC
28 / 07 / 2026
As asociacións profesionais máis representativas do sector das artes visuais do contexto autonómico e estatal, presentan recurso administrativo contra o procedemento de provisión da dirección do CGAC polo sistema de libre designación.
As asociacións profesionais representativas do sector artístico e cultural galego e estatal, asinantes deste comunicado, acordaron interpoñer un recurso de reposición fronte a resolución do procedemento de provisión do posto de dirección do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), ao considerar que o proceso presenta graves deficiencias desde o punto de vista da transparencia, as garantías procedementais, o respecto ás boas prácticas na xestión das institucións culturais públicas e os intereses profesionais da comunidade artística.
O recurso presentado polas asociacións profesionais defende a nulidade radical do acto de nomeamento da nova dirección do CGAC, así como da convocatoria para a provisión do posto polo sistema de libre designación, por ser actos que lesionan a liberdade fundamental de produción e creación artística e que, en contra do ordenamento xurídico, conceden dereitos e facultades a quen carece dos requisitos esenciais para a súa adquisición.
Esta actuación responde á preocupación compartida por un amplo número de profesionais e entidades do sector ante un procedemento que, lonxe de reforzar a confianza nas institucións culturais, xerou unha fonda crise de credibilidade en torno a un dos principais centros de arte contemporánea de Galicia.
A decisión de recorrer a resolución administrativa non obedece unicamente á vontade de revisar un procedemento concreto, senón á necesidade de defender un modelo de gobernanza cultural baseado na autonomía das institucións, a profesionalización dos seus órganos de dirección, a transparencia nos procesos de selección e o respecto aos principios de mérito, capacidade e concorrencia.
O recurso presentouse formalmente por unha única asociación, por esixencias do propio procedemento administrativo. Porén, esta actuación conta co respaldo expreso das asociacións asinantes, que participan conxuntamente no seu impulso e financiamento como expresión dunha posición compartida do sector profesional.
As asociacións consideran imprescindible que a designación das direccións das institucións culturais públicas responda a procedementos abertos, obxectivos e avaliables, aliñados cos estándares nacionais e internacionais de boas prácticas e cos principios de independencia respecto de calquera inxerencia política na xestión cultural.
A situación vivida no CGAC pon de manifesto a necesidade de abrir un proceso de reflexión sobre os modelos de gobernanza das institucións culturais galegas e do sector en xeral. Un sector que vén reclamando, desde hai anos, unha maior participación da comunidade profesional nos órganos de decisión, mecanismos efectivos de rendición de contas e marcos de xestión que garantan a estabilidade, a autonomía e o interese público destas institucións.
A presentación deste recurso constitúe, por tanto, unha actuación responsable e proporcionada orientada a defender o correcto funcionamento das institucións públicas e a contribuír a que os procesos de selección se desenvolvan con todas as garantías xurídicas e profesionais esixibles.
As asociacións asinantes reiteran a súa vontade de diálogo coas administracións públicas e a súa disposición a colaborar na construción de modelos de xestión cultural máis transparentes, participativos e independentes, acordes coa importancia que as institucións culturais teñen para a cidadanía e para o conxunto do ecosistema artístico galego.
PARA AMPLIAR ESTA INFORMACIÓN CONTACTAR CON:
contacto@acolectiva.gal / falavegliota@gmail.com
A COLECTIVA. Asociación Profesional de Artistas de Galicia.
CONTEMPORÁNEA. Asociación de Galerías de Arte Contemporánea de Galicia.
VEGLIOTA. Asociación Cultural Vegliota.
AGPXC. Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural.
AGPI. Asociación Galega de Profesionais da Ilustración .
DAG. Asociación Galega de Deseño.
IAC. Instituto de Arte Contemporáneo.
CONSORCIO DE GALERÍAS DE ARTE CONTEMPORÁNEO.
MAV. Asociación de Mujeres en las Artes Visuales.
UNIÓN AC. Unión de Artistas de Arte Contemporáneo de España.
ADACE. Asociación de Directoras y Directores de Arte Contemporáneo de España.