Berta Cáccamo
11 / 05 / 2018
Adeus Berta
A Colectiva, Asociación Profesional de Artistas de Galicia naceu tendo entre os seus obxectivos dotar dunha voz común a unha rede de produtores e produtoras de cultura vinculados á Arte Contemporánea na nosa Comunidade.
Hoxe cremos que esa voz vai máis aló das persoas asociadas, ao empregala para manifestar o noso fondo pesar polo recente falecemento de Berta Álvarez Caccámo e a nosa vontade de transmitirllo aos seus achegados.
Berta era, é e será unha figura vixente e necesaria na nosa Arte, coa capacidade de despoxar o xesto pictórico da épica expresionista para amosalo cunha nova presenza, concreta, subtil e poética, sempre cálida.
Así tamén a valoramos a ela, sempre cercana, sempre alonxada de protagonismos espectaculares, pero tamén sempre comprometida nas loitas polo valor da Arte Contemporánea.
Agradecémoslle a súa obra e a súa implicación, e agradecémoslle especialmente as súas ensinanzas e acompañamento todas as que tivemos oportunidade de ser as súas alumnas na Facultade de Belas Artes de Pontevedra.
A orfandade na que nos deixa esta perda ven a sumarse a que nos ten causado o falecemento de Manuel Rodríguez Moldes no mes de decembro do pasado ano.
Quedamos en pouco tempo sen dúas persoas de grande valía, pero eles quedan na nosa memoria e na nosa práctica artística.
Quede tamén aquí reflexado o noso fondo respecto cara elas.