COMPROMISO URXENTE PARA A REACTIVACIÓN DA CULTURA EN GALICIA
28 / 04 / 2020
O pasado 20 de marzo, acadando un amplo consenso do Sector cultural galego nun curto prazo de tempo, os responsables da Xunta de Galicia recibiron un documento de 15 páxinas no que había unha serie de propostas concretas e asumibles tanto para a administración central como para a autonómica, así como outras administracións que teñan que sumarse ás mesmas.
A 24 de abril ainda non hai ningún anuncio concreto por parte da Xunta de Galicia tras finalizar ronda de contactos sectoriais, algún deles incluso en dúas ocasións. O único anuncio é un plan de préstamos blandos do IGAPE común para toda a economía galega.
Por ese motivo, as entidades que asinamos este documento compartimos a continuación un resumo das nosas peticións para reiterar a necesidade de ter xa medidas concretas para o cumplimento destas propostas e comenzar a solventar a problemática dun sector estratéxico e vital para a convivencia como é o cultural.
Consideramos importante, así mesmo, que a Xunta de Galicia manifeste claramente o seu posicionamento a prol de considerar a cultura un ben de primeira necesidade con clara incidencia positiva na convivencia e na democracia.
Facemos extensivo este documento ás diversas forzas políticas que se presentan ás próximas eleccións galegas para que se posicionen e se compromentan a integralo nos seus programas electorais. Tamén incluimos no envío ao Consello da Cultura Galega xa que consideramos importante coñecer a sua valoración do mesmo así como as aportacións que considere oportuno achegar ao mesmo.
As quince medidas máis relevantes e das que se precisan respostas urxentes que resumen o documento orixinal, que enviamos de novo tamén xunto a esta petición expresa de compromisos, son:
- Reprogramar o Xacobeo 2020 e 21 para o fortalecemento real da Comunidade Cultural Galega.
- Crear a Receita Cultural para garantir o acceso á Cultura de toda a poboación, incluida a máis afectada pola crise económica.
- Adaptar todas as convocatorias de Subvencións e becas culturais á realidade actual. Garantir anticipos de tesourería.
- Compromiso por parte de todas as administracións galegas da execución do 100% do orzamento destinado á programación e actividade cultural no 2020.
- Compromiso da NON CANCELACIÓN de ningún proxecto cultural, incluidos os formativos que sexan viables online, que xa estaban aprobados.
- Ampliar ata marzo 2021 os ciclos de programación 2020 e anticipar un mínimo do 50% dos caché na data prevista inicialmente.
- Posibilitar a contratación de actividades e actuacións en streaming e formato audiovisual pregrabado para emitir on line.
- Novas liñas de axudas para a creación, investigación e preprodución para proxectos futuros nos espectáculos ao vivo e na xestión cultural. Así como para dotación de equipamentos e ferramentas de novas tecnoloxías e acceso a internet de calidade.
- Axudas para publicacións de arte e revistas dixitais para impedir o colapso do sector.
- Redefinición do plan estratéxico para o sector cultural a medio prazo, potenciando a cultura galega dentro e fóra do país.
- Recoñecemento do libro galego como "estratéxico e prioritario" para a cultura galega, tal e como figura na Lei do Libro e da Lectura de 2006
- Reparto equitativo e accións dentro do plan de urxencia de 25 millóns de euros anunciado para o sector “cultural e turístico”.
- Implicación da Radio e Televisións de Galicia con múltiples contidos que representen a todo o sector cultural galego nas suas programacións con orzamento definido e específico.
- Elaboración dun plan de profesionalización do sector cultural e a loita contra a precariedade no mesmo.
- Atención ao colectivo de mulleres do sector da arte contemporánea (tanto de artistas como críticas, galeristas, comisarias…) así como as xestoras culturais e persoal técnico que, unha vez máis, están a ter que conxelar as súas carreiras para asumir os coidados nesta crise sanitaria que asola ao noso país.
Por último, consideramos fundamental a creación dunha Comisión de seguemento do Plan de acción elaborado, con especial fincapé no mantemento do emprego no sector cultural galego.
Máis entidades que asinan a este documento:
Academia Galega de Teatro (AGT)
Asociación de Escritores - Escritoras en Lingua Galega (AELG)
Asociación Galega de Editoras (AGE)
Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI)
Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC)
Asociación Galega de Salas de Música ao Vivo (Clubtura)
Asociación Galega de Videoxogos e Contidos Interactivos
Asociación de Galerías de Arte Contemporánea de Galicia
Asociación Produtores Técnicos Espectáculos de Galicia (APTEGA)
Asociación Profesional de Artistas de Galicia (A Colectiva)
Coordinadora Galega de Festivais de Cinema. Proxecta
Empresas galegas adicadas a internet e novas tecnoloxías EGANET
Escena Galega
Mulleres nas Artes Visuais
Músicas Ao Vivo
Plataforma Afectadas polo Centro Coreográfico Galego (PACCG)
Unión de Cooperativas Galegas (Espazo Coop)
Colectivo Narradores Orais de Galicia. NOGA