COMUNICADO A COLECTIVA – SITUACIÓN MUSEO MARCO DE VIGO
15 / 02 / 2018
Despois de diversas iniciativas e comunicacións públicas para facer explícita a nosa oposición á deriva que se está a producir no modelo museográfico e de xestión do Museo MARCO de Vigo, dende A Colectiva, Asociación Profesional de Artistas de Galicia, queremos manifestar:
- A nosa solidariedade e apoio as/aos artistas que teñen declinado participar na exposición “Metrópole, perspectiva urbana da arte galega”, programada para o citado Museo.
- A nosa solidariedade e apoio a Agar Ledo, responsable de exposicións do MARCO que ven de anunciar a súa vontade de renuncia a esta labor profesional, nun proxecto no que levaba once anos, pero que agora muda o seu espírito fundacional. Estes feitos e moitos precedentes, comezando pola dimisión de Iñaki Martínez Antelo como director, poñen en evidencia tanto a unilateralidade do xiro que se está a dar ao modo de xestión do Museo, sen diálogo algún coas comunidades profesionais implicadas, como a unanimidade destas comunidades no rexeitamento desta maneira de proceder. Tanto as manifestacións públicas da comunidade artística, xa dende os momentos iniciais do proxecto, como os seus propios estatutos ou o carácter de Fundación de Interese Galego asignan ao MARCO unhas liñas de programación e un modo de xestión que se están vendo seriamente alterados. Por todos estes motivos, e para non poñer fin á traxectoria rigorosa e contrastada desta institución, cremos imprescindible recuperar a autonomía e transparencia na súa xestión, comezando pola convocatoria dun concurso público para a dirección. Atendendo á constante suma de iniciativas doutras/os compañeiras/os, cremos que non estamos soas/sós nesta reivindicación.
En nome de A Colectiva, asina este comunicado o seu presidente:
Jorge Couceiro