Novas

Comunicado respecto á convocatoria para nova dirección do CGAC

29 / 04 / 2026

Desde A Colectiva, Asociación Profesional de Artistas de Galicia, queremos expresar publicamente o noso total rexeitamento ás bases da convocatoria para a selección da nova dirección do CGAC. Aínda que a convocatoria contempla a presentación de méritos profesionais e dun proxecto de dirección, o procedemento adoece de carencias estruturais relevantes que comprometen a obxectividade, a concorrencia competitiva e a lexitimidade do proceso.

O Centro Galego de Arte Contemporánea constitúe unha das principais referencias no ámbito da arte contemporánea, tanto polo seu papel cultural como pola súa proxección social e institucional. Neste contexto, a definición dos procedementos para a selección da súa dirección convértese nun aspecto clave, esixindo mecanismos acordes coa relevancia e responsabilidade implícitas a este cargo. A análise do modelo proposto permite abrir unha reflexión sobre os principios que deben rexer este tipo de procesos, especialmente no que atinxe á transparencia, á obxectividade e á concorrencia competitiva.

Desde a A Colectiva, como plataforma asociativa que representa os intereses das e dos artistas profesionais residentes en Galiza, expresamos a nosa preocupación ante este cambio no modelo de dirección do CGAC, que aposta por un perfil funcionarial, fronte a perfís que pola súa traxectoria e percorrido garantan a profesionalidade e competencia no eido da arte contemporánea. Consideramos, que o procedemento de selección por libre designación, sendo unha potestade da administración non é o adecuado para a selección do posto de Dirección dun Centro de Arte Contemporánea que require dun perfil profesional vinculado coa sociedade, o mundo da cultura e os circuitos internacionais, aínda que dada a natureza administrativa do CGAC o posto de dirección se reserve legalmente a funcionarios de carreira, nada obriga a que o método de selección sexa a libre designación, puidendo convocarse un concurso interno ou proceso selectivo de maior transparencia e obxectividade. Ademais, antepoñer a carreira administrativa, nun posto destas características, implica relegar a un segundo plano a competencia e vida profesional activa no ecosistema artístico actual, un aspecto que é indispensable. A ruptura que establece o modelo proposto de libre designación coa realidade profesional, tal e como describe minuciosamente o comunicado publicado polo Departamento de Historia da arte da USC, supón un abandono ao modelo de concurso internacional establecido desde o 2009 ata á actualidade, impedindo que profesionais con ampla experiencia en xestión cultural opten a participar neste proceso selectivo.

Respecto aos criterios e méritos descritos baixo os que pode concursar o persoal funcionario, reclamamos a falta de formación específica que se esixe, xa que non se fai referencia a ningunha formación relacionada coa rama de Belas Artes, Historia da arte, Xestión Cultural ou Humanidades, alén da ausencia dun baremo de méritos descrito con precisión e claridade. Desde A Colectiva, como artistas conscientes da brecha que existe entre a práctica artística contemporánea e o público xeral, preguntámonos como é posible dirixir un centro de arte contemporánea sen experiencia ou formación específica na área, sen contacto demostrado e real coa comunidade de artistas locais ou coñecemento do estado actual do sector.

Así mesmo, aínda que a convocatoria contempla a presentación de méritos profesionais e dun proxecto de dirección, o procedemento adoece de carencias estruturais relevantes que comprometen a obxectividade, a concorrencia competitiva e a lexitimidade do proceso.
En particular, sinalamos as seguintes:

En primeiro lugar, a ausencia de criterios de valoración obxectivos, públicos e verificables. A convocatoria non establece un sistema de avaliación detallado que permita coñecer como serán valorados os méritos nin o proxecto de dirección presentado polas candidaturas. Non se definen indicadores, ponderacións nin baremos que orienten o proceso de selección. Esta ausencia impide garantir a igualdade efectiva entre aspirantes, asegurar que a elección responda a parámetros profesionais e comparables e permitir o acceso público do proceso.

En segundo lugar, os estándares actuais de selección en institucións culturais, a definición previa de criterios constitúe un elemento esencial de transparencia e de seguridade xurídica. A súa omisión introduce unha marxe de opacidade que resulta dificilmente compatible coa esixencia de obxectividade no acceso a responsabilidades públicas de alta relevancia.

Tamén manifestamos que a inexistencia dun sistema de avaliación independente e cualificado debilita a dimensión profesional do proceso e reduce a pluralidade de criterios, e asemade limita a garantía de imparcialidade; xa que a convocatoria non prevé a constitución dun comité de selección independente, nin a participación de expertos ou profesionais do ámbito da arte contemporánea na valoración das candidaturas, senón que as decisicións son tomadas unicamente pola administración convocante.

As boas prácticas profesionais no ámbito cultural exixen, neste tipo de procesos, a participación de xurados ou comités independentes, integrados por perfís cualificados e diversos, que aseguren unha avaliación técnica rigorosa e aliñada cos estándares do sector.

En terceiro lugar, o requisito de presentar un proxecto de dirección cunha extensión máxima de cinco páxinas restrinxe de xeito significativo a posibilidade de desenvolver propostas estratéxicas complexas, incluíndo aspectos clave como programación artística, liñas curatoriais, xestión de coleccións, mediación cultural ou proxección internacional. Esta limitación dificulta unha avaliación comparativa profunda e reduce o alcance do propio proceso de selección.

En cuarto lugar, a limitación de participación a funcionarios de carreira, exclúe a unha parte substancial de profesionais do ámbito artístico e cultural, tanto a nivel estatal como internacional, reducindo a diversidade de perfís e a competitividade do proceso, amosando, a total desconexión das bases coa realidade das e dos profesionais do sector no contexto galego.

En quinto lugar, o procedemento de libre designación, tal como se expón, non incorpora mecanismos que garantan unha motivación pública, detallada e verificable da decisión final, pois non se están a presentar informes de avaliación accesibles, xustificación comparada entre candidaturas, nin a publicidade dos criterios aplicados. Estes aspectos dificultan o control público do proceso e limita a rendición de contas da administración. Sen estes elementos, o procedemento corre o risco de percibirse como opaco, mesmo cando se desenvolve dentro da legalidade formal.

O modelo exposto contrasta cos estándares amplamente adoptados en institucións culturais de referencia, que inclúen: convocatorias abertas e con ampla difusión, sen restricións innecesarias de acceso; definición previa de criterios de avaliación claros, públicos e ponde rados; avaliación por comités independentes con competencia técnica acreditada; presentación de proxectos de dirección extensos e detallados e por riba de todo, procesos transparentes con motivación pública das decisións.

A dirección do CGAC, como institución pública de referencia no ámbito da arte contemporánea, require un procedemento de selección que estea á altura da súa relevancia e cultural, social e institucional. O modelo de libre designación, nos termos en que se expón, non garante plenamente os principios de transparencia, obxectividade e concorrencia competitiva que deben rexer o acceso a responsabilidades públicas desta natureza.
Por todo iso, consideramos necesario modificar o procedemento, incorporando mecanismos que aseguren unha avaliación obxectiva, independente e transparente, en liña coas boas prácticas consolidadas no ámbito cultural.

Así pois, solicitamos á Consellería de Cultura que se publique unha nova convocatoria que siga o modelo de concurso público e aberto, onde o proceso de selección sexa realizado por un tribunal integrado por profesionais expertos de relevancia autonómica e estatal. Necesitamos preservar un perfil curatorial, profesional e competente na Dirección do CGAC, e a natureza desta institución pública como un espazo crítico, de produción, de pensamento e investigación no eido da arte contemporánea.

As cookies axúdannos a ofrecer os nosos servizos. Ao utilizar os nosos servizos, aceptas o uso de cookies.