Novas

Desacordo coa convocatoria CONFINARTE

30 / 04 / 2020

Comunicado de A COLECTIVA, ASOCIACION DE ARTISTAS PROFESIONAIS DE GALICIA, por mor da convocatoria CONFINARTE (Concello de Vigo) dirixida a artistas profesionais de Vigo.

Perante as novas acaecidas estes últimos días en relación ao programa Confinarte realizado polo Concello de Vigo e a consecuente polémica a raíz desta convocatoria, A Colectiva Asociación Profesional de Artistas de Galicia, desexa manifestar a súa desconformidade ante as iniciativas que non promoven e respetan as boas prácticas profesionais, así sexan levadas a cabo por administracións públicas ou institucións privadas.

Entendemos que, estes programas, menoscaban o traballo de moitos e moitas artistas e o valor das prácticas artísticas en xeral, máis aínda, no actual contexto de vulnerabilidade no que se atopan a meirande parte das e dos artistas galegos. Consideramos que unha convocatoria como Confinarte, dirixida a artistas profesionais, como aparece indicado na convocatoria, debe ser remunerada e, de ningún xeito, pode instrumentalizarse o traballo das e dos artistas para a
simple promoción do propio ente organizativo. Non hai arte sen artistas, e por iso parécenos vital que as condicións nas que levan a cabo as súas actividades e a súa divulgación sexan dignas.

Rogamos ás administracións públicas e a toda a cidadanía empatía e unha maior sensibilidade coa situación crítica que están vivindo as e os profesionais da cultura como músicos, xestores culturais, programadores, comisarios, galeristas, coreógrafas, bailaríns, actores e actrices, cineastas, artistas visuais, artesáns, fotógrafos, e todo aquel/a que centra a súa actividade vital e profesional na arte. Eses que enchen de creatividade as redes socias, os museos e as salas de
espectáculos, os bares, os centros culturais, os muros das cidades, os teatros, as librerías, as bibliotecas, os cines e o salón de calquera casa. Son os que fan das nosas vidas un lugar cualitativamente máis rico e substancialmente mellor antes, durante e despois deste longo confinamento.

Somos moi conscientes de que o sector cultural leva anos sendo marxinado e menosprezado. Porén seguimos defendendo que é un ámbito clave para o progreso das sociedades actuais. Por iso, nestes momentos de incerteza, é importante protexer e axudar a toda a xente que participa deste ámbito tan complexo e diverso, precisamente para preservar esta complexidade e diversidade, a cal atopase, hoxe, en grave risco de exclusión social.

Ante a situación de gran vulnerabilidade na que se encontran os/as artistas de tódolos eidos da cultura da cidade de Vigo, e do resto do país, solicitamos a tódalas administracións tanto de ámbito estatal, autonómico como local, a tomar medidas de urxencia para protexer ás persoas que forman parte do ámbito cultural así como a incentivar, promover e impulsar as súas actividades profesionais para que poidan volver o seu traballo dun xeito seguro e sostible o antes posible.

Para tal cometido estamos traballando dende esta asociación, xunto con outras do ámbito cultural, en medidas de urxencia que palíen o duro golpe do COVID -19 os/as artistas galegos/as as cales estanse a presentar ante a administración galega. Estas medidas teñen por obxectivo protexer o conxunto de traballadoras e traballadores da cultura para poder continuar coas súas actividades durante este período de desescalada e durante a “nova normalidade”. Así pois, pensamos que as administracións locais son moi importantes para a implementación de medidas que impulsen a actividade artística profesional.

Animamos encarecidamente ó Concello de Vigo, como xa se ten feito noutras vilas do estado como Sevilla, a colaborar coa comunidade artística da cidade e coas súas respectivas asociacións para consensuar fórmulas de acción coa finalidade de fomentar as actividades culturais e protexer ós traballadoras e traballadores do eido da cultura viguesa.

Dito o cal, parécenos imprescindible que o sector cultural da cidade estea presente nos plans de reactivación de emprego que se desenvolvan neste e noutros concellos.
A Colectiva.

Podes atopar a convocatoria aquí: https://confinarteconcultura.vigo.org/

As cookies axúdannos a ofrecer os nosos servizos. Ao utilizar os nosos servizos, aceptas o uso de cookies.