Novas

FOCO DSK (Belén Montero e Juan Lesta)

15 / 11 / 2020

O pasado 28 de outubro, o festival internacional INTERSECCIÓN, Festival de Arte Audiovisual Contemporáneo dedicou un FOCO ao colectivo DSK formado por Belén Montero e Juan Lesta, asociados de A Colectiva.

Un FOCO que é unha retrospectiva da traxectoria dos directores, produtores e creativos, tan extensa como variada. Aínda que teñen traballado en numerosos xéneros e formatos, a experimentación e o son sempre teñen unha importancia especial na súa obra, que permaneceu (durante os vinte anos de actividade na súa empresa audiovisual Esferobite) en movemento constante. Este movemento ás veces é frenético, exaxerado, e ao través da repetición ou a velocidade desprégase en toda clase de xogos audiovisuais: xogos de palabras, de imaxes, xogos de corpos e coreografías, xogos de vestiario, xogos de humor e de crítica. Exercicios para xogar a pensar.

Ademais do FOCO, o colectivo realizou unha instalación audiovisual no hall da Fundación Seoane, sede que acolleu o festival, e que se pudo ver até o 15 de novembro.

Algunhas das súas pezas pódense ver no canal https://vimeo.com/esferobite

INTERSECCIÓN, Festival de Arte Audiovisual Contemporáneo, focaliza a súa programación en obras creadas por artistas no cruzamento da arte contemporánea e o cine de vangarda, que manexan tanto códigos estéticos coma linguaxes e procesos de creación innovadores. Esta programación complétase con actividades de xeración e transferencia de coñecemento, de encontro e formación profesional, e de diálogo aberto cos diversos públicos, como obradoiros para adultos e nenos, masterclasses de artistas, mesas redondas, presentacións, conferencias, encontros co público, performances ou concertos.

Fonte principal e máis información en: https://interseccion.gal

Interior da instalación DSKtoscopio (2001-2020) ©DSK
As cookies axúdannos a ofrecer os nosos servizos. Ao utilizar os nosos servizos, aceptas o uso de cookies.