Palmarés no Festival INTERSECCIÓN, Carme Nogueira faise co Premio de A Colectiva.
02 / 11 / 2021
Parabéns ás persoas asociadas que acadaron algún dos premios que organiza o INTERSECCIÓN, Festival de Arte Audiovisual Contemporánea e en concreto á nosa asociada Carme Nogueira que este ano acadou o premio da nosa Asociación outorgado pol@s compañeir@s artistas.
Nesta edición do festival INTERSECCIÓN, Festival de Arte Audiovisual Contemporánea o PREMIO de 500 euros creado por A Colectiva, sección Galicia, foi otorgado á obra “Tenerife”, de Carme Nogueira. O xurado estivo composto pol@s artistas e integrantes de A Colectiva: Iria Vázquez (presidenta); Ana Cabanes (vogal), e Edu Fernández.
O vídeo “Tenerife” de Carme Nogueira, propón un diálogo co traballo homónimo de Allegret e Lotar e quere propoñerse potencialmente como material pedagóxico. Pretende crear unha relación co espectador e o tema, o territorio, aberta, sen tratar de explicalo, permitindo xerar fugas e posibilitando incorporar outras interpretacións.
O vídeo amosa o proceso de elaboración dos debuxos que forman parte dunha instalación, coa que se pode contextualizar o vídeo. As reservas no papel, baixo unha capa de pintura negra e a súa retirada posterior para desvelar a imaxe van configurando a paisaxe. Esas imaxes do proceso van acompañadas dun audio no que se pode escoitar o audio orixinal da película de Allegret e Lotar (en francés) de fondo sendo doblado simultáneamente pola autora ao castelán. Unha traducción que inclúe as dúbidas, os balbuceos e, con eles, unha mirada subxectiva.
Este modo de configuración do visible quere eludir as imaxes orixinais da película para poder actualizala, dalgún xeito, incorporando outros puntos de vista, imaxinacións ou proxeccións futuras.
Carme Nogueira (Vigo, 1970) é artista multidisciplinar e investigadora. Ten traballado sobre os procesos de subxectivación e a función normalizadora dos espazos a través da investigación artística.
MENCIÓN ESPECIAL do xurado de A Colectiva a: “!DocType html”, de Blanca Rego, “El cansancio tiene un gran corazón” de Acacia Ojea, compañeira asociada, e a“Hauntopolis” de Santiago Talavera.
Ademais deste premio, noutras seccións do Festival, temos que destacar os seguintes premios que quedaron na casa:
PREMIO EX AEQUO do XURADO NOVO á asociada Sabela Eiriz coa obra”Veo,veo”. E a MENCIÓN a Acacia Ojea.
O PREMIO DO PÚBLICO recalou en Ruth Montiel Arias e o PREMIO DO XURADO NOVO DA SECCIÓN CONTEMPORÁNEA foi para Lúa Gándara.
Deixámosvos a ligazón para ver o palmarés completo e animamos a tod@s @s artistas que non forman parte de A Colectiva a asociarse aquí.
Máis info: xurados e os premios de Intersección.
INTERSECCIÓN, Festival de Arte Audiovisual Contemporáneo focaliza a súa programación en obras que se atopan no cruce da arte contemporánea e o cinema de vangarda, abranguindo unha grande variedade de formatos, técnicas e linguaxes.
Tras tres exitosas edicións, celebradas en 2018, 2019 e 2020, INTERSECCIÓN xa está consolidado coma encontro para a comunidade artística e o público. Polo festival pasaron artistas como Salomé Lamas, Dora García ou Tatiana Macedo e nel téñense proxectado obras de artistas internacionais coma J.P. Sniadecki ou Kevin Jerome Everson e galegas coma Juan Lesta e Belén Montero, Carla Andrade, Ignacio Pardo, Eduardo Valiña, Lara e Noa Castro, Carme Nogueira, Edu Fernández, Vicente Vázquez, Verónica Vicente ou Alberte Pagán.
Ademais das proxeccións, exposicións e performances, INTERSECCIÓN complétase con actividades de formación e de diálogo cos diversos públicos, entre os que se atopan investigadoras, galeristas, comisarias e demais profesionais, así coma a cidadanía en xeral.
Fonte principal: http://interseccion.gal